Wednesday 15 de May de 2024

O BNG de Oleiros rexeita a modificación do ROM de Oleiros, só froito do enfrontamento constante entre o Alcalde e un grupo da oposición


Que a orde plenaria non se manteña é responsabilidade do obrigado a mantela, o Presidente da corporación. A lamentábel deriva dos plenos en Oleiros non pode xustificar medidas unilaterais e de dubidoso acubillo democrático

O portavoz municipal nacionalista acha imprescindíbel “a creación da xunta de portavoces como en calquera concello normal, que será a que ordene os asuntos dos Plenos e onde os Grupos poidan chegar a compromisos como o de erradicar deplorábeis incidentes e inxurias como os recentemente acontecidos. Isto agora non existe, non hai sistema algún que permita unha relación fluída entre os diferentes grupos”

No pasado pleno ordinario de outubro, presenzamos como o Alcalde negaba aos partidos da oposición a súa intervención oral no pleno a través dos rogos e preguntas sen motivación algunha. Rogos e preguntas que por outra banda o BNG de Oleiros xa presenta de vello por escrito e con antelación de varios días, mesmo de semanas para posibilitar un estudo acaído e polo miúdo das propostas nacionalistas por parte do Goberno local e na única procura do ben da cidadanía. “non ansiamos medallas, nin queremos sorprender ou “pillar” a ninguén, só queremos achegarmos propostas construtivas e sempre en positivo”. Mesmo sistema manexamos coas mocións e resto de propostas ou asuntos que levamos ao pleno, sempre na busca da maior transparencia e para un coñecemento óptimo do resto de grupos do Pleno. Iniciativa exclusiva do BNG é que se a facemos pública só é como consecuencia da inexplicábel decisión de anular os rogos e preguntas, xa que o Alcalde de Oleiros, vulnerando o ROM e as normas de bases do réxime local, negou esta posibilidade aos representantes populares e lexítimos do Pobo de Oleiros.

De ningunha maneira sería aceitábel ningunha medida que impedira ou limitara a exposición directa de rogos e preguntas no propio pleno, é dicer os rogos-preguntas tanto sexan como non rexistrados previamente, deberán ser presentados no acto oral do pleno ficando ao alcance da cidadanía, como sucedía até agora e acontece en todos os Concellos. Alén desta obviedade de mínimos e seguindo con esa visión en positivo e sempre construtiva no beneficio continuo da cidadanía e facendo da necesidade virtude, apoiamos unha reforma do ROM, co obxectivo de eliminarmos as restricións existentes á participación plena dos grupos municipais na vida institucional, porén de súpeto e após os graves incidentes acaecidos no pleno de decembro, o goberno local decide limitar unilateralmente a dúas as mocións que os grupos políticos da oposición poderán presentar.

Calquera debate ou decisión sobre regulacións dos plenos debería ser tramitada por medio da necesaria creación da xunta de portavoces como en calquera concello normal, que sería a que deberá ordenar os asuntos dos Plenos e onde os Grupos poidan chegar a acordos (declaracións institucionais ou emendas ás mocións, número de mocións, eficacia e rigor dos plenos…), isto agora non existe, non hai sistema algún que permita unha relación fluída entre os diferentes grupos. Debe existir algún mecanismo que permita que a devandita Xunta de portavoces se reúna se os Grupos a piden, que non dependa da exclusiva vontade da Alcaldía Isto xa sucede cos plenos extraordinarios, onde os grupos poden pedilos sen “permiso”. Esta xunta de portavoces debería tramitar as mocións sen obrigar a que, como agora sucede, sexan tramitadas todas como urxentes no seo do pleno, circunstancia que impide que o seu mesmo debate se produza se o pleno non vota a favor da urxencia das mesmas. As mocións deben afectar a competencias municipais, evitando falar do sexo dos anxos ou a independencia do Nagorno Karabaj, como está a acontecer na actualidade. Igualmente cabería considerar un límite ás mocións dende unha perspectiva consensuada, ética e de respecto á cidadanía e a súa representación popular. Dentro dese mesmo respecto á cidadanía e na xunta de portavoces deberiamos chegar a compromisos para erradicar os deplorábeis incidentes e inxurias que lamentabelmente situaron a Oleiros como protagonistas en todos os medios do Estado. Fonda vergoña é o que sentiu a cidadanía de Oleiros.

Todas sabemos que estas medidas tomadas nesta lexislatura após décadas de flexibilidade nos plenos oleirenses só teñen unha motivación, o enfrontamento e a bulla constante entre o Alcalde e un grupo da oposición que deu lugar aos repugnantes feitos do pasado pleno de decembro nos que o Alcalde inxuriou a un concelleiro da oposición após que este afeara ao Alcalde que un familiar directo participara en poxas públicas do Concello.

O Alcalde ten conferidas amplas competencias para manter a orde nos plenos establecidas no artigo 27 do ROM; ao mesmo tempo debe respectar escrupulosamente o ROM en todas as súas intervencións. Que a orde non se manteña nos plenos é responsabilidade pois do obrigado a mantela, o Presidente da corporación. Limitar unilateralmente, ao abeiro dunha maioría absoluta, e de xeito tan cuestionábel, é matar moscas a canonazos. A lamentábel deriva ética dos plenos en Oleiros non pode xustificar medidas unilaterais e de dubidoso acubillo democrático.